Saída á Coruña

Este luns 25 de febreiro fumos á Coruña facer tres visitas:

  • A sección audiovisual do grupo Voz Tv, onde o xefe de realización en persoa (Jenaro) nos contou como se grava e monta un informativo, e como se conforma a parrilla de programación
  • O V Concurso de robótica organizado por Igaciencia, onde o fixemos requetebén!
  • A EAO Pablo Picasso, onde vimos como transcorre o proceso creativo vinculado á actividade manual, obradoiros e ferramentas incluído.
Non vou comentar moito máis porque hai un blog, o Corominas de Lois, Natalia, Isa e Sonia, onde podedes atopar información máis que precisa e adecuada do que foi a visita. Grazas, equipo Corominas!
O que si vos poñemos é un álbum de fotos que quitaron Isa e Sara. Disfrutádeo!!

Visita á central térmica de As Pontes

Mañá mércores, o alumnado de 3º da ESO vai realizar unha visita á central térmica de ciclo combinado de As Pontes que organiza o Dpto. de Sociais. Para optimizar a visita, desde Tecnoloxía elaboramos este documento para que estudedes a actividade industrial na central, así como este cuestionario sobre as centrais de ciclo combinado.

ciclo combinado consiste en simultanear a xeración de enerxía a partir dunha turbina de vapor e dunha de gas natural: nun ciclo, quéimase un combustible (petróleo, carbón, biomasa ou gas natural), e o gas circula por un circuíto activando a turbina de gas; os gases de escape están a moi alta temperatura e utilízanse para quentar unha caldeira de auga, o que produce vapor a alta presión que provoca o movemento de outra turbina.

Estas centrais son menos contaminantes (o gas non tén xofre e xérase menos dióxido de carbono) e teñen máis rendemento enerxético (ata un 55%, fronte ó máximo de 33% das térmicas convencionais), polo que en moitos casos, como en As Pontes, as vellas centrais están adaptándose a ciclo combinado.

Déixovos aquí un enlace dun xogo de Endesa para aprender as diferenzas entre a central térmica convencional e a de ciclo combinado.

 

Citizen completo, un xeito diferente de aprender

Fumos ver Citizen á sala Nasa, a última obra de Chévere, o xoves 24 de marzo.

Nas dúas primeiras partes vimos teatro do bo, contemporáneo, con formato novedoso para nós pero sen esquecer os contidos, que no noso caso nos veñen moi ben para o tema de Produción Empresarial de 4º da ESO.
Na terceira parte houbo un debate que talvez nos fixo pensar algo nesas grandes cuestións éticas da actualidade: os beneficios e as perdas que conleva a golbalización dos mercados, a inxustiza dun sistema de produción que non respecta ao obreiro, que somentes busca gañancias para uns cantos. A obviedade cada vez menos obvia de que vivimos por enriba das nosas posibilidades para… lucir máis guapos. Simplemente para lucir.

Seredes vós, cidadáns do futuro, quen de modificar o actual sistema de produción e racionalizar os mercados, de engadir cabeza e corazón a este gran mostro con só estómago que é o neoliberalismo?? Sei que algo faredes. Porque algo xa o estades facendo 😀

Citizen2: todos ó teatro!

Esta noite os Ciconios da Cachada imos ó teatro da NASA a ver Citizen2. Esta obra forma parte dunha triloxía que lanzou a compañía Chévere esta tempada. A obra, ambientada na Galicia dos anos oitenta, remeda a figura do Citizen Kane de Orson Welles, e narra as orixes dun empresario téxtil, “A.O.”, quen levará a súa industria a ser un verdadeiro imperio internacional, mesmo a costa do traballo de miles de mulleres precariamente organizadas en cooperativas.

Trátase dunha peza de teatro contemporáneo que entronca co noso proxecto Ciconi@ no que á súa dramatización atinxe, pois tendo en mente a elaboración dunha curta a final de  curso, o traballo de director e actores da obra é un excelente e innovador exemplo. No que a contidos se refire, Citizen trata das controversias propias dunha sociedade globalizadora e capitalista en conflito, tema que non só se debe cultivar transversalmente, senón que tén presencia física nos contidos da Programación de Tecnoloxía (Bloques de “O Proceso Industrial” e a “Historia da Tecnoloxía”).

En orde a comezar unha colaboración coa compañía Chévere (a traveso da súa páxina RedeNasa.TV), a Dirección do teatro organízanos unha pequena charla-coloquio ao fin da mesma, entre o reparto da obra (Patricia de Lorenzo, Mónica García, Miguel de Lira), vós e os pais.

A semana pasada, para ir ambientándonos neste tipo de propostas alternativas,  pasamos durante a hora de comer o filme “Dogville”, produción audiovisual de Lars von Trier do ano 2003.

Hoxe, en clase, falamos dos temas clave desta obra no que a Tecnoloxía atinxe: sociedades empresariais (S.A., S.L., Cooperativismo), traballo en cadea, globalización e ética do traballo, filosofía Just in Time

Visita a Galicia Dixital e TVG

Á espera dos vosos documentais da visita (lembrade: só editores de vídeo de software gratuíto ou libre!), déixovos o álbum de fotos do xoves pasado, día en que visitamos as instalacións de Galicia Dixital e TVG.

En Galicia Dixital repasamos os conceptos de emisión en 3D, xogamos con pantallas táctiles e tivemos na man un feixe de fibras ópticas; na TVG puidestes acceder ás cabinas de control de audio, á sala de cromas e a un gran plató cos seus focos e cámaras profesionais, aprendendo algo máis sobre televisión e comunicacións. (Podes consultar algo de información sobre centros de produción de televisión neste link).

Visita a Asteleiros Triñanes e Jealsa, outubro 2010

O 18 de outubro, o alumnado de 2º da ESO visitou dúas das empresas máis representativas da zona: os Asteleiros Triñanes-Domínguez e a industria conserveira Jealsa-Rianxeira.

A primeira destácase por ser unha carpintería de ribeira que innova en Galicia, o cal é todo un reto neste tipo de construcións tipicamente artesanais. Os “ASTELEIROS TRIÑANES DOMÍNGUEZ, S.L.” atópanse situados no lugar de Ladeira – Chazo, concello de Boiro, e iniciaron a súa actividade no ano 1978. Desde entón levan construídas máis de 150 embarcacións de distintos tipos (pesqueiros, auxiliares de acuicultura, chalanas, dornas, embarcacións de recreo, etc…). Paradoxicamente ó remoto das súas orixes, a concepción da construción artesanal de embarcacións vive unha constante evolución, non sendo allea ás tecnoloxías máis vangardistas (madeira moldeada en frío e emprego dos epoxis como adhesivos e eficaces protectores da madeira). Pero Triñanes non deixa de utilizar e mellorar os métodos de traballo tradicionais, construíndo embarcacións con dificilmente mellorables prestacións e de moi baixo mantemento.

Jealsa-Rianxeira é actualmente unha das empresas españolas máis potentes de conserva de peixe, ademáis dunha das poucas que conta coa certificación máis alta en prevención de riscos laborais (OHSAS 18001). Como sabedes, o peixe é un produto moi perecedeiro e exposto á actividade microbacteriana, polo que dende tempos ancestrais (hai testemuñas exipcias, gregas, fenicias) se idearon métodos para conservalo (principalmente salazón, afumado, secado e escabeche). En Galicia, a actividade pesqueira comezou a ter un gran peso específico no s. XIV, e con ela a salazón. A mediados do s. XVII chegaron ás nosas costas empresarios cataláns que fomentaron e desenvolveron enormemente a industria da conserva, estendendo o factory sistem ao que antes foran pequenas iniciativas particulares de salazón, e mellorando a calidade e duración das conservas. Apelidos que ficaron na zona e nos lembran esta inmigración son o Massó, Barreras, Colomer, Villoch, Romaní…

No s. XIX vén de Francia (Nicolas François Appert) o método de preservación en lata ou vidro de peche hermético; a continuación, a apertización, ou conservación mediante calor. O desenvolvemento da inustria de siderurxia vasca, abaratando a obtención de follalata e a produción de aceite refinado español de alta calidade, son algúns dos factores que rematan por facer posible a elaboración e exportación de conservas a un prezo razonable. Neste contexto histórico, e ás portas dunha revolución das artes e os barcos de pesca, a tradición conserveira da Ría de Arousa é o substrato que permite que se implanten novas e mellores industrias que chegarán a ser hoxe algunhas das máis importantes no mundo.

Jesús Alonso instalou a súa primeira fábrica de conservas no 1958 en Boiro; actualmente, a factoría pertence ao grupo Jealsa, que integra a 21 sociedades e industrias en Europa, América e Asia, con  máis de 3000 traballadores, situándose no 5º lugar no ranking industrial galego, cunha facturación duns 400 millóns de euros anuais. Na súa factoría de O Bodión, como xa vistes, hai deceas de liñas de produción, e cada unha delas tira 250 latas de conserva por minuto. Sen parar en todo o día, botade cálculos!

Deixámosvos aquí as fotos do día, e espero que fagades algún traballo que poder pendurar para enriquecer este artigo!