Avanzando co Mblock

Este ano comezamos unha nova andaina robótica coa casa Mblock: polo de agora os equipos van mellor que o curso pasado, e así, en 4º, xa puidemos ir facendo algunha das propostas que Susana Ouviña fai no seu manual “Divirtíndome con Mblock”. Aí quedan os testemuños!

Visita á Facultade de Camiños e ó Bricolabs

A saída a Coruña co alumnado de 3º deste ano foi moi produtiva, e agardamos que se espertaran vocacións profesionais con ela!

Na Facultade de Camiños vimos os diferentes laboratorios de ensaio, onde se fan probas e maquetas para logo construír diques, portos, pontes… Desde hai un ano a Facultade conta co túnel de vento máis potente de España, e aínda que nós o pillamos co sistema informático danado puidemos facernos unha idea da magnitude do ensaio.

Pola tarde fixemos unha breve pero ilustrativa e divertida visita ó Bricolabs, un laboratorio de fedelleir@s sito na Domus na que alucinamos coa de pequenos inventos que todos e todas podemos facer nas nosas propias casas a un coste ben baixo.

Imprimindo casas

As tecnoloxías de impresión 3D melloraron tanto como para construír vivendas en tan só 24 horas e en condicións extremas de temperatura. Botade un ollo a este vídeo onde se explica como facelo, empregando materiais innovadores e de alta calidade e con acabados instantáneos:

Domo

Mirade qué chulo está quedando o domo no que andan traballando os de 4ºC con Flor. Os alumn@s que participaron neste proxecto foron: Laura, Ainhoa, Pablo, Alex, Javi, Nicolás, Óscar e Jorge):

Proba de Google groups e lectura

Os pasados días celebrouse en Las Vegas a CES, unha das feiras de novas tecnoloxías máis importantes do mundo.

Neste artigo do xornal dixital Eldiario.es atoparedes información sobre algún dos aspectos máis atractivos da feira, algo que sen dúbida cambiará o noso futuro inmediado: IoT (Internet of things).

Se tedes curiosidade, buscade novas sobre a CES en Xataka: publicaron moitos artigos especializados: coches automáticos, realidade virtual, robótica, ordenadores, chromebooks, smartphones… Xataka é un diario de novas tecnoloxías ó que podedes subscribirvos para obter información diaria actualizada.

A ler!

 

Tecno no STARcach

Vídeo resumo do proxecto STARcach, unha combinación do traballo de varios Departamentos (Galego, Tecno, Mates, FQ, Inglés) e rapaces no eido do audiovisual e a robótica. Todo un curso aprendendo, creando e disfrutando, un pracer!

Hidráulica 4º

Non todo ía ser Robótica e Programación! Algún equipo de 4º preferiu facer o seu proxecto sobre Hidráulica. Para mostra, este de Toño, Saulo, Iván e Pablo, de 4ºB: