Este nadal regala tempo

Durante os meses de novembro e decembro, o noso alumnado estivo traballando nun regalo para un macro Amig@ Invisible.

Aproveitando o temario de materiais, a xente de 2º fixo un xoguete de madeira e metal con elementos reciclados, e a de 3º un regalo téxtil. Así contribuímos a loitar contra o consumismo navideño e os consecuentes estereotipos de xénero (mirade o lapiceiro ganchillado de Jaime ou a carteira de Alan).

O alumnado de 1º fixo un pequeno agasallo nas Titorías, e o de 4º un marcapáxinas en Relixión e Alternativa.

Para obter un código co cal se emparellaban os Amigos Invisibles, cada alumna/o e profe tiveron que cubrir unha enquisa coa que realizaremos un estudo sobre uso do móbil.

Antes de entregar o agasallo, xa co seu código rexistrado, todo o alumnado pasou por unha instalación elaborada polo alumnado de Tecno de 4ºAB: unha porta ó futuro con raios láser que había que esquivar, e unha árbore de nadal feita con contadores da luz na que había que atinar unha combinación para poder acendela.

O espírito: tomar tempo para adicárnolo a nós, á nosa xente, ó noso medio. O Correo Gallego recolleu a noticia.

Minas de San Fins e Bosque de Lousame

Hoxe luns o alumnado de 2º fixo unha visita ó Museo das Minas de San Fins e ó Bosque de Lousame. A actividade estivo organizada polos departamentos de Galego, Tecnoloxía e Física e Química, e enmárcase dentro do proxecto A Roda do Ano no que todo o centro participa baixo o lema de “adicar tempo ó noso entorno e á nosa xente”.

No Museo de San Fins coñecimos a historia da explotación mineira de bronce, estaño, volframio; as excavacións remóntanse á Idade de Bronce e perpetúanse ata hoxe en día, non exentas de polémica relativa ás consecuencias medioambientais da actividade industrial.

O Bosque de Lousame foi recoñecido este ano polo Programa das Nacións Unidas de Medio Ambiente como Área Conservada por Comunidades Locais por contribuír á recuperación ambiental dunha zona de monte ata fai pouco dominada por acacias e eucaliptos (unha das 7 únicas áreas de Europa). A través do programa Montescola o alumnado, guiado polo enxeñeiro de montes e a educadora ambiental da Aula da Natureza, tivo ocasión de identificar as especies autóctonas e exóticas presentes no monte de Froxán e mesmo de prantar cadanseu castiñeiro.

Para complementar a actividade, o alumnado cubriu, para Tecnoloxía, esta ficha con información útil. A noticia cubriuna El Correo Gallego.

Arrinca o Club de Ciencia

Este curso foinos autorizada a creación dun Club de Ciencia, e imos desenvolver nel unha programación coherente co proxecto de centro A roda do ano: adicar tempo ó noso entorno, saúde e familia.

O primeiro proxecto do Club de Ciencia é repensar o lugar onde vivimos e o impacto que isto ten no entorno. Para isto, implementaremos un módulo bioclimático con técnicas de bioconstrución; instalaremos unha estación metereolóxica exterior e sensorizaremos a temperatura e presión interiores a fin de demostrar que estas técnicas construtivas son máis ecolóxicas e igual de eficientes que outras máis estendidas. Contaremos para facelo coa axuda do bioconstrutor experto Guido Tomasini, alemán residente no concello lugués de A Pontenova. Para comezar, hoxe martes organizamos para os participante no club unha charla-obradoiro a cargo da asociación de Arquitectura Espiga na que aprendimos materiais e técnicas de construción bioclimática e vimos moitos exemplos de vivendas galegas así feitas.

A partir de xaneiro, montaremos un invernadoiro de prantas aromáticas e investigaremos na automatización de procesos para o seu mantemento.

O Club de Ciencia está formado por Flor Domínguez, Ana Moreiras, Pilar Hermo, Maribel Pelayo, Agustín Agra, Javier Bao e Gonzalo Álvarez.

Visitamos unha vivenda rehabilitada con bioconstrución

O primeiro proxecto do ano para 3º da ESO consiste en facer a maqueta dunha vivenda moderna pero con inspiración celta. Debe empregarse criterios de bioconstrución.

Para preparalo, desde Sociais pasáronnos esta presentación sobre a cultura castrexa e nas aulas vimos o capítulo 5 de Grandes Estruturas que emiten en La2 tódolos días ás 21:00h.

A nivel práctico, visitamos unha vivenda que está a ser remozada polo experto bioconstrutor Guido Tomasini, aquí mesmo en Ferreiros. Con el elaboramos a mestura que empregaremos para os bloques (barro, area e palla) e vimos in situ os criterios básicos deste tipo de construcións. Ademais, visitamos o Castro de Neixón para coñecer e comprender o xeito de vida dos castrexos.

As pioneiras do Processing!!

Dúas das nosas alumnas de tecnoloxía, Marina Ramallo Blanco e Emma Blanco Caamaño, que xa traballaran con Arduino o segundo trimestre (sendo unha delas unha das persoas encargadas do marabilloso polvo do StarGal e a outra da instalación do tren de “Ilustrísima”) conseguiron facer algo que non se fixera antes neste instituto:

Coordinar os programas de Arduino e Processing para conseguir que cun sensor de ultrasonidos un cadro proxectado na pantalla cambiase de cor segundo a distancia.

Como vedes nesta imaxe, temos a placa de Arduino, a protoboard e o sensor de ultrasonidos conectados (as dúas entradas dixitais PWM), sendo a alimentación a da propia placa (5V).

No Arduino facemos que mediante un programa cada dez milisegundos o sensor mida a distancia que ten respecto a calquera obxecto que teña diante. Este contén unhas variables que á súa vez están conectadas co Processing. Con este programa creamos un cadrado que cambie de cor, estando este cambio determinado pola distancia. Cando esta sexa menor que 15cm o cadro que vemos na pantalla cambia a cor violeta, e cando é maior, a cor verde.

Aquí deixamosvos a demostración.