Este nadal regala tempo

Durante os meses de novembro e decembro, o noso alumnado estivo traballando nun regalo para un macro Amig@ Invisible.

Aproveitando o temario de materiais, a xente de 2º fixo un xoguete de madeira e metal con elementos reciclados, e a de 3º un regalo téxtil. Así contribuímos a loitar contra o consumismo navideño e os consecuentes estereotipos de xénero (mirade o lapiceiro ganchillado de Jaime ou a carteira de Alan).

O alumnado de 1º fixo un pequeno agasallo nas Titorías, e o de 4º un marcapáxinas en Relixión e Alternativa.

Para obter un código co cal se emparellaban os Amigos Invisibles, cada alumna/o e profe tiveron que cubrir unha enquisa coa que realizaremos un estudo sobre uso do móbil.

Antes de entregar o agasallo, xa co seu código rexistrado, todo o alumnado pasou por unha instalación elaborada polo alumnado de Tecno de 4ºAB: unha porta ó futuro con raios láser que había que esquivar, e unha árbore de nadal feita con contadores da luz na que había que atinar unha combinación para poder acendela.

O espírito: tomar tempo para adicárnolo a nós, á nosa xente, ó noso medio. O Correo Gallego recolleu a noticia.

Minas de San Fins e Bosque de Lousame

Hoxe luns o alumnado de 2º fixo unha visita ó Museo das Minas de San Fins e ó Bosque de Lousame. A actividade estivo organizada polos departamentos de Galego, Tecnoloxía e Física e Química, e enmárcase dentro do proxecto A Roda do Ano no que todo o centro participa baixo o lema de “adicar tempo ó noso entorno e á nosa xente”.

No Museo de San Fins coñecimos a historia da explotación mineira de bronce, estaño, volframio; as excavacións remóntanse á Idade de Bronce e perpetúanse ata hoxe en día, non exentas de polémica relativa ás consecuencias medioambientais da actividade industrial.

O Bosque de Lousame foi recoñecido este ano polo Programa das Nacións Unidas de Medio Ambiente como Área Conservada por Comunidades Locais por contribuír á recuperación ambiental dunha zona de monte ata fai pouco dominada por acacias e eucaliptos (unha das 7 únicas áreas de Europa). A través do programa Montescola o alumnado, guiado polo enxeñeiro de montes e a educadora ambiental da Aula da Natureza, tivo ocasión de identificar as especies autóctonas e exóticas presentes no monte de Froxán e mesmo de prantar cadanseu castiñeiro.

Para complementar a actividade, o alumnado cubriu, para Tecnoloxía, esta ficha con información útil. A noticia cubriuna El Correo Gallego.