Concurso LEGO

Este ano tivemos dobre premio: o concurso tivo fase eliminatoria (22 de abril) entre a zona Norte (Coruña e Lugo) e a Sur (Pontevedra e Ourense), e tras unha brillante actuación de todo o noso alumnado, un grupo clasificouse para a final: Izan, Adrián, Carlos e Diego.

Para maior alegría, o martes 26 gañamos o 1º premio!! o cal nos puxo, imaxinade, recontentísimas. Déronnos un flamante LEGO EV3, que estamos aprendendo a programar. Esta foi a nova na Voz de Galicia, e aquí unhas fotos:

Charla sobre Nanotecnoloxía

No marco das charlas que ofrece a USC, hoxe veu ó noso insti Fran Fraga, profesor do Laboratorio de Física Aplicada do Campus de Lugo.

Fran ofreceunos unha interesantísima charla sobre diversas aplicacións da nanotecnoloxía:

  • No campo da electrónica, os nanotubos de carbono e os nanoalambres ofrecen posibilidades de supercondución a escalas reducidísmas, o que prognostica unha revolución na fabricación de equipos eléctricos e electrónicos, na reparación de circuítos integrados, na fabricación de ordenadores nanocuánticos con abraiante velocidade de procesamento de datos… A fibra nanoóptica, por outra parte, permitirá velocidades de descarga de datos de ata 10 000 Mbps
  • A posibilidade de xerar correntes eléctricas con combinacións de nanopartículas de ouro permite producir pinturas que, revestindo unha edificación, producirían a enerxía eléctrica que consumirían as instalacións das vivendas. Se ben polo de agora falamos de milleiros de euros por metro cadrado, estanse a reducir os custos sensiblemente, o que atraeu o interese de compañías como Fenosa.
  • No eido dos materiais, presenciaremos unha auténtica revolución coas nanoestruturas: vehículos irrompibles, chalecos antibalas lixeiros e impenetrables, tecidos formados por nanofibras con resistencias elevadísimas… Na cosmética tamén terán impacto os novos materiais, aparecendo fullerenos e hidroxeles que melloren a estética e complementos sanitarios que utilizamos.
  • Unha das áreas onde máis impactante será a evolución da nanotecnoloxía é na bioloxía e na medicina: fabricaranse medicamentos ad hoc, inseridos por nanoagullas no organismo, e capaces de actuar só onde sexan precisos e durante o tempo que sexan precisos (dendrímeros), o que mellorará sensiblemente doenzas como o cancro ou as úlceras; repararanse conexións neuronais e celulares, reducindo a incidencia de alzheimers e parálises; fabricaranse próteses compatibles 100% cos tecidos humanos (lentillas, órganos, ósos, dentes). A non moito tardar, veremos como ó nacer se nos implanta un chip que detecte calquera anomalía no ADN (quantum dots) ou nos procesos biolóxicos e dea unha alerta ós sistemas de saúde en caso de ser preciso.

20160407_124306

Lanzados cara o concurso da EEI

O vindeiro martes 19 de abril, o alumnado que está no proxecto STAR Cach acudirá a Vigo, á Escola de Enxeñería, a participar nun concurso con Mbots. Terán que realizar 2 probas: unha competición de velocidade seguindo liñas e unha loita tipo sumo con robots doutros grupos. Estamos entrenando!

20160405_141637