Ministro Wert, mire como é a Tecnoloxía de 4º

Señor ministro de Educación:

Na nova lei educativa, segundo vostedes a da “Calidade”, a Tecnoloxía de 4º pasa a ser unha materia que cursará só aquel alumnado que deixa de estudar. Parece que non contemplan desde a súa altura intelectual que neste país fan falta enxeñeiros, e, a ser posible, enxeñeiros creativos, comprometidos e autónomos (creo que a esto lle chaman vostedes ser “emprendedor”, pero agardan que esa cualidade llela proporcionemos desde proxectos extraescolares non recoñecidos económica nin academicamente para nós).

Pois mire: o alumnado de 4º de Tecnoloxía aprende, durante un curso,

  • Os fundamentos e montaxes básicos da electrónica analóxica e dixital, e da pneumática, é  dicir: os principios de  funcionamento de calquera electrodoméstico ou máquina de hoxendía
  • As bases da teoría e práctica das telecomunicacións, é dicir: a saber mercar unha TV sen que nas tendas lle digan “es usted tonto”
  • Os fundamentos da linguaxe de programación e a robótica, é dicir: a programar desde o voo dun dron ata os movementos dun robot aspiradora, non sei se sabe de qué falo
  • As nocións básicas de historia da Tecnoloxía, é dicir: a valorar os beneficios e perigos da aplicación dos coñecementos científicos á actividade humana
  • As instalacións do fogar, é dicir: a saber qué chave de paso deben pechar se teñen unha inundación, ou a denunciar unha (moi probable e consentida por vostedes) estafa da súa compañía eléctrica

Pero é que ademais, nas nosas aulas, o alumnado aprende a cooperar, a expresar con vocabulario técnico as súas ideas, a superar a fenda de xénero na tecnoloxía e nas TIC, a pensar de forma lóxica, a prepararse para un futuro esixente no que deberán ser autónomos amáis de competentes.

Por parte do profesorado, esto implica que, nunha mesma hora, debemos atender a un grupo que demanda máis coñecementos (para esto formámonos no noso tempo libre en programación como o Arduino -non se apure que xa non lle buscamos software de pago-), a un que tén dificultades de comprensión (para esto formámonos no noso tempo libre en atención a necesidades educativas especiais), a outro que amosa más aptitudes técnicas (para esto invertimos o noso tempo libre en compra e reparación de ferramentas). Ou sexa: atendemos a un grupo de 30 persoas con diversidade  de aptitudes, nun taller con ferramenta deteriorada e ordenadores cunha conexión a internet de 0.86 Mb.

Achégolle unhas imaxes dun día normal de clase. Por se lle queda sitio entre tanto esforzo lexislativo para a reflexión real e a preocupación polo seu país e a súa cidadanía.

hidráulica4 arduino