Nikola Testa de febreiro, para todos os cursos

Cada minuto do día estades pendentes do móbil: whatsapp, instagram, facebook…  En España os consumidores pagan, dentro do precio de cada móbil, unha cantidade prevista para reciclar o terminal. Os fabricantes financian a certas organizacións especializadas para que se ocupen da tarefa. Recyclia é unha delas, dentro da cal se atopa a fundación Tragamóvil, que en 2014 xestionou 372.000 kg de móbiles e periféricos de telefonía.

Este trimestre, o reto de Nikola Testa trae un plus. Responder ás preguntas teóricas suma 0.25 e facer o plus son 0.25 máis.

  1. Que porcentaxe do móbil se recupera? Que parte non se recupera?
  2. Onde está o punto limpo de móbiles en Boiro? Que outras cousas se recollen nese punto limpo?
  3. De que material son a maioría das baterías de móbiles hoxendía? E ata agora? Cales contaminan máis?
  4. Un dos metais dos que se fabrican os móbiles de hoxe é o COLTÁN. Que podes dicir del? (de onde se extrae, que problemas ocasiona a nivel ecolóxico e social, etc)

5. Plus: busca na túa casa un móbil que haxa que reciclar e faite unha foto deixándoo no punto limpo

Arduino

Para a semana comezaremos a experimentar co hardware e software de Arduino.

Arduino é unha plataforma sinxela que consiste nunha placa cun microcontrolador e un entorno de desenvolvemento que foi deseñado para facilitar o uso da electrónica en proxectos multidisciplinares. Ó ser hardware libre, tanto o seu deseño como a súa distribución é libre, é dicir: pode utilizarse libremente para o desenvolvemento de calquera proxecto sen pedir permiso a ninguén.

Rodrigo Calvo e Raúl Díez Alaejos dirixiron este documental sobre Arduino:

SOGAMA e MUNCYT

Este pasado martes o alumnado de Tecnoloxía de 3º foi a Cerceda e Coruña para visitar as instalacións de SOGAMA e o museo MUNCYT.

10.02.2015 IES A Cachada

Hai que dicir que a visita a SOGAMA non foi de gran proveito, pois apenas vimos as instalacións, e a presentación sobre reciclaxe xa a tiñamos vista nas aulas. O museo MUNCYT, pola contra, deparounos interesantes sorpresas: entrar na cabina dun JUMBO (o Lope de Vega, que trouxo no 1978 o Guernica de Picasso), vimos a placa base do primeiro procesador que se usou no CESGA (con pins de ouro)…

Aquí vos quedan algunhas fotos da xornada

Gañamos o 7º concurso de robótica de Igaciencia!!

Campións por segundo ano consecutivo (ver vídeo), celebramos con alegría que o noso alumnado siga participando con entusiasmo e saber facer nestas convocatorias.

Neste caso, o equipo gañador está formado por Iris Outeiral, Miguel Silva, Dioni Rosario e o futuro enxeñeiro Kuba Michaelowitz. Aquí tedes a nova en Praza e na Voz de Galicia.

Moitos parabéns a todo o grupo, campións en traballo, esforzo, rigor, cooperación e entusiasmo (a pesares da que está caendo con esta nova lei que nos condena ó vagón de cola da educación en Europa, maiormente na área de Tecnoloxía)