Estratexias de manipulación e Lei Wert

Hai pouco estivemos vendo en Informática os medios de comunicación a través das TIC, e apareceunos o tema da manipulación de información. Hoxe atopei este interesantísimo artigo onde se dá a clave de 10 estratexias para facelo. Particularmente curioso é a cantidade de empresas e bancos que están detrás dalgúns medios de comunicación.

Unha das estratexias que nos afecta moito é convertirnos en alfabetos funcionais, que é o que parece perseguir a vindeira reforma educativa…

Searching for plásticos

Estamos en 3º investigando a natureza, aplicacións e consecuencia de uso e abuso dos plásticos. Durante uns días, reparade na cantidade deles que nos rodean. Os termoestables verédelos nos electrodomésticos, nas chaves da luz, nos enchufes; os elastómeros en prendas de roupa, rodas dos coches, siliconas; os termoplásticos están en TODAS partes, e soen levar un distintivo que os sinala:

Respecto á fabricación de plásticos, en JJ Chicolino, aquí en Boiro, tedes un exemplo de industria, e no tocante a abuso, no blog, páxina de 3º e sección plásticos, tedes un par de vídeos que nos falan das consecuencias desastrosas de usar e non reciclar plásticos.

Mercado Vintage da Plataforma Creaturas

O pasado sábado 13 de maio tivo lugar na rúa peonil de Boiro o primeiro evento levado a cabo pola plataforma Creaturas: Vintage Market. Leváronse a cabo moitos obradoiros: cera, cestería, pintura… Nun deles, o de poesía visual que dirixiu a artista Lucía Romaní, colaboraron dúas alumnas do centro: Ana Saborido e Lara Triñanes, de 3ºB. Aquí vos deixo fotos das súas intervencións na rúa!

Copyleft

copyleft é a licenza libre de distribución de copias e/ou versións dunha obra (artística, científica, cultural) baixo as condicións orixinais de creación da obra, por vontade do autor da mesma.

Cando creades unha obra tedes o dereito de propiedade da mesma, tanto propiedade moral (decidindo como se pode divulgar o voso traballo) como económica (sobre a reprodución, distribución, comunicación pública e transformación). Se non expresades o contrario, por defecto, os dereitos de explotación económica son vosos. Eso é o copyright.

A mediados dos anos 70 cobrou moita forza o concepto do software libre, e xunto a el, a filosofía de compartir libremente as creacións de cada autor. Así naceu o Creative Commons, un tipo de licenzas onde só se reservan algúns dereitos (imaxe de wikipedia):

Así pois, á hora de crear os vosos vídeos ou de utilizar imaxes nas entradas dos vosos blogs, tedes que ter en conta a autoría dos recursos que utilizades. Asimesmo, o recomendable é que rexistredes as vosas creacións cunha licenza CC, preferentemente BY-NC-SA (recoñecer autor e non uso comercial da obra nin derivadas). Para facer isto abonda con que usedes os logos no voso traballo, ou que cubrades o formulario que pón á vosa disposición Creative Commons España. Na páxina Recursos deste Cachatronic tedes unha morea de imaxes e audios libres.

Finalmente, tede en conta que os últimos recrudecementos da Lei de Propiedade Intelectual (a denominada Lei Lassalle), poden facer que sexades perseguidos criminalmente por utilizar sen permiso material con dereito de autor. Así que… sede precavidos!

E por se nos quedan dúbidas, un vídeo onde se nos explican estes conceptos perfectamente:

Pétreos e minería

Estamos comezando a ver os pétreos en 3º, e xunto ás presentacións que se están elaborando para estudar aspectos técnicos da obtención e aplicación deste tipo de materiais, pedín unha reflexión sobre o uso dos mesmos na historia de Galicia.

Algúns estades preguntando polo problema que saltou ós medios sobre a mina de Corcoesto: unha canteira para obter ouro na que os costes ambientais serían terribles. Podedes ver en artigos de Praza ou Público moita información, pero suxírovos que escoitedes este audio do programa de Radio3 Hoy Empieza Todo, onde se fala de diversos mitos medioambientais e, particularmente, das consecuencias de explotar canteiras deste tipo: 150 000 Tm de montaña para obter 1Tm de ouro, amén de deceas de miles de toneladas de substancias como arsenio ou cianuro de sodio, que pasarán a contaminar os nosos ríos. A pregunta é: merece a pena este tipo de explotacións para obter algo coma o ouro? Escoitade o programa e facede as vosas propias reflexións nos blogs.

Hoy empieza todo con Marta Echeverría – Desmontando los mitos del medio ambiente – 02/05/13Escuchar audioHoy empieza todo con Marta Echeverría - Desmontando los mitos del medio ambiente - 02/05/13