Prácticas de electrónica en 4º ESO

Como sempre, podedes consultar as memorias que entregastes (xa corrixidas) na pestaña “Presentacións e memorias 4º ESO“; dunha delas tirei esta sinxela pero clarísima animación de como funciona un relé. En todo caso, pídovos que non deixedes de botar unha ollada a este impresionante traballo do grupo de Lorena, Vera, Alexandra e Laura de 4º A. A miña máis sincera admiración, rapazas!

Ubuntu no Taller de Tecno

Como vistes estes días, no taller de Tecno acaban de instalarnos o Ubuntu en tódalas estacións. Esperamos que esto mellore un pouco a instalación e que teñamos menos problemas agora para traballar!

Ubuntu é un sistema operativo baseado no Linux, como sabedes, un dos exemplos máis prominentes de software libre; todo o seu código fonte pode ser utilizado, modificado e redistribuído libremente por calquera baixo os termos da GPL (General Public License de GNU). Por isto é polo que en educación se aposta por estes modelos de sistema.

Na páxina de María L atopei a referencia a unha guía para traballar co Ubuntu, que  xa vos anticipo, é moito máis doado do que pensamos a priori. Se non precisastes orientación para usar o Windows, tampouco aquí a necesitaredes! Comezar con Ubuntu 10.04 é unha guía para principantes do sistema operativo Ubuntu. Está escrita cunha licenza de código aberto e é de balde para descargar, ler, modificar e compartir. Pode axudarvos a navegar pola Web, escoitar música ou escanear documentos.

Citizen2: todos ó teatro!

Esta noite os Ciconios da Cachada imos ó teatro da NASA a ver Citizen2. Esta obra forma parte dunha triloxía que lanzou a compañía Chévere esta tempada. A obra, ambientada na Galicia dos anos oitenta, remeda a figura do Citizen Kane de Orson Welles, e narra as orixes dun empresario téxtil, “A.O.”, quen levará a súa industria a ser un verdadeiro imperio internacional, mesmo a costa do traballo de miles de mulleres precariamente organizadas en cooperativas.

Trátase dunha peza de teatro contemporáneo que entronca co noso proxecto Ciconi@ no que á súa dramatización atinxe, pois tendo en mente a elaboración dunha curta a final de  curso, o traballo de director e actores da obra é un excelente e innovador exemplo. No que a contidos se refire, Citizen trata das controversias propias dunha sociedade globalizadora e capitalista en conflito, tema que non só se debe cultivar transversalmente, senón que tén presencia física nos contidos da Programación de Tecnoloxía (Bloques de “O Proceso Industrial” e a “Historia da Tecnoloxía”).

En orde a comezar unha colaboración coa compañía Chévere (a traveso da súa páxina RedeNasa.TV), a Dirección do teatro organízanos unha pequena charla-coloquio ao fin da mesma, entre o reparto da obra (Patricia de Lorenzo, Mónica García, Miguel de Lira), vós e os pais.

A semana pasada, para ir ambientándonos neste tipo de propostas alternativas,  pasamos durante a hora de comer o filme “Dogville”, produción audiovisual de Lars von Trier do ano 2003.

Hoxe, en clase, falamos dos temas clave desta obra no que a Tecnoloxía atinxe: sociedades empresariais (S.A., S.L., Cooperativismo), traballo en cadea, globalización e ética do traballo, filosofía Just in Time

Xogando con Chopin: realidade aumentada

Estes días andamos no taller fedellando con iso da realidade aumentada, da que o curso pasado falaramos a partir dun vídeo do MIT Media Lab que podedes ver na entrada “Ordenador de vestir” do Cachatronic.
Hoxe Brais e Ricardo graváronse xogando co pequeno “Chopin”, como o bautizaron os de 4ºA:

Do blog Tecnoloxia.org de María Lou tirei varias entradas moi útiles, e de entre elas a de Boffswana; para conseguir ver a Chopin saudar simplemente debedes ter un ordenador con cámara conectada e imprimir unha plantilla que vos proporcionan na propia páxina. Neste vídeo explícase claramente como facelo!

Papervision – Augmented Reality (extended) from Boffswana on Vimeo.