Chámannos dende o CERN!!

Aínda que non puidemos apuntarnos á iniciativa do CERN o Día da Ciencia en Galego, xa está pendurada na rede a vídeoconferencia que ese día mantiveron con centos de institutos galegos.
Lembrade que o CERN é o laboratorio de física de partículas máis importante de Europa, e un dos mellores do mundo. Nel traballan físicos galegos que, coma nós, defenden o dereito a investigar e difundir ciencia en galego.
Botádelle un ollo!

Do Cern a Compostela coa Física de Partículas from Coordinadora Galega ENDL on Vimeo.

O Cachatronic coa cultura galega

Lembrades cando no curso pasado fixemos a Mostra de Artesanía e un home representou o papel de “afiador-paraugueiro“, explicándonos a todos en qué consistía o tradicional oficio?
Ese home é Pepe Penabade, e protagoniza o gran estreo desta tempada do CDG (Centro Dramático Galego): a obra Salomé, de Oscar Wilde, revisada na actualidade polo escritor e dramaturgo Carlos Santiago. Outra iniciativa que pode suscitar o voso interese é o programa Cineuropa, un festival que dende mediados de novembro a mediados de decembro nos achega películas ben interesantes e que doutro xeito, a mercede dos canibalescos criterios comerciais, non poderiamos ver. E finalmente, para aqueles que tanto queriades saber de Inditex e o imperio de Amancio Ortega, recoméndovos a obra Citizen Segunda Parte, do grupo Chévere, que se pode ver na sala NASA dende mañá mesmo ata o 12 de decembro.
E aquí queda o vídeo da nosa Mostra de Artesanía, co actor Pepe Penabade e moitos de vós circulando polo patio do insti!

Visita a Galicia Dixital e TVG

Á espera dos vosos documentais da visita (lembrade: só editores de vídeo de software gratuíto ou libre!), déixovos o álbum de fotos do xoves pasado, día en que visitamos as instalacións de Galicia Dixital e TVG.

En Galicia Dixital repasamos os conceptos de emisión en 3D, xogamos con pantallas táctiles e tivemos na man un feixe de fibras ópticas; na TVG puidestes acceder ás cabinas de control de audio, á sala de cromas e a un gran plató cos seus focos e cámaras profesionais, aprendendo algo máis sobre televisión e comunicacións. (Podes consultar algo de información sobre centros de produción de televisión neste link).

Día da Ciencia e a Tecnoloxía, 4 novembro 2010

Hoxe espuxemos no centro os cartaces sobre Ciencia e Tecnoloxía en Galicia, e tamén o noso Hórreo Tecnolóxico. Con el simbolizamos o noso desexo de preservar o galego na Tecnoloxía, ou o que é o mesmo: sementamos con-ciencia.

A base do hórreo é unha vella placa solar de refugallo que proporciona unha pequena intensidade coa que os alumnos de 4º realizarán un pequeno montaxe de amplificador con transistor; a estrutura é de madeira e cartón, e o recubrimento de refugallo tecnolóxico: diskettes e VHS, teclados e placas de circuíto impreso.

A Voz de Galicia veu ver o proxecto, así que atentos mañá á prensa!

E lembrade: non deixedes que os ratos se coman o noso patrimonio… 😉