Francachadonia

O curso pasado fixestes un gran traballo co proxecto Francachadonia: a organización con ferramentas colaborativas dunha viaxe das Seccións Bilingües a París, Lille e Bruxelas.

Preparastes o itinerario, escollistes e pagastes aloxamentos e viaxes, deseñastes actividades, cubristes o caderno A à Z… e todo sempre co bo humor que tanto nos gustou.

Por iso este ano comezamos un novo proxecto, Ciconi@, para seguirmos aprendendo xuntos, esta vez sobre as migracións do ser humano, utilizando as ferramentas que xa empezastes a manipular o pasado curso.

Déixovos aquí un dos vídeos da viaxe do curso pasado. Na páxina Francachadonia podedes acceder aos catro vídeos. Que vos guste!!

Visita a Asteleiros Triñanes e Jealsa, outubro 2010

O 18 de outubro, o alumnado de 2º da ESO visitou dúas das empresas máis representativas da zona: os Asteleiros Triñanes-Domínguez e a industria conserveira Jealsa-Rianxeira.

A primeira destácase por ser unha carpintería de ribeira que innova en Galicia, o cal é todo un reto neste tipo de construcións tipicamente artesanais. Os “ASTELEIROS TRIÑANES DOMÍNGUEZ, S.L.” atópanse situados no lugar de Ladeira – Chazo, concello de Boiro, e iniciaron a súa actividade no ano 1978. Desde entón levan construídas máis de 150 embarcacións de distintos tipos (pesqueiros, auxiliares de acuicultura, chalanas, dornas, embarcacións de recreo, etc…). Paradoxicamente ó remoto das súas orixes, a concepción da construción artesanal de embarcacións vive unha constante evolución, non sendo allea ás tecnoloxías máis vangardistas (madeira moldeada en frío e emprego dos epoxis como adhesivos e eficaces protectores da madeira). Pero Triñanes non deixa de utilizar e mellorar os métodos de traballo tradicionais, construíndo embarcacións con dificilmente mellorables prestacións e de moi baixo mantemento.

Jealsa-Rianxeira é actualmente unha das empresas españolas máis potentes de conserva de peixe, ademáis dunha das poucas que conta coa certificación máis alta en prevención de riscos laborais (OHSAS 18001). Como sabedes, o peixe é un produto moi perecedeiro e exposto á actividade microbacteriana, polo que dende tempos ancestrais (hai testemuñas exipcias, gregas, fenicias) se idearon métodos para conservalo (principalmente salazón, afumado, secado e escabeche). En Galicia, a actividade pesqueira comezou a ter un gran peso específico no s. XIV, e con ela a salazón. A mediados do s. XVII chegaron ás nosas costas empresarios cataláns que fomentaron e desenvolveron enormemente a industria da conserva, estendendo o factory sistem ao que antes foran pequenas iniciativas particulares de salazón, e mellorando a calidade e duración das conservas. Apelidos que ficaron na zona e nos lembran esta inmigración son o Massó, Barreras, Colomer, Villoch, Romaní…

No s. XIX vén de Francia (Nicolas François Appert) o método de preservación en lata ou vidro de peche hermético; a continuación, a apertización, ou conservación mediante calor. O desenvolvemento da inustria de siderurxia vasca, abaratando a obtención de follalata e a produción de aceite refinado español de alta calidade, son algúns dos factores que rematan por facer posible a elaboración e exportación de conservas a un prezo razonable. Neste contexto histórico, e ás portas dunha revolución das artes e os barcos de pesca, a tradición conserveira da Ría de Arousa é o substrato que permite que se implanten novas e mellores industrias que chegarán a ser hoxe algunhas das máis importantes no mundo.

Jesús Alonso instalou a súa primeira fábrica de conservas no 1958 en Boiro; actualmente, a factoría pertence ao grupo Jealsa, que integra a 21 sociedades e industrias en Europa, América e Asia, con  máis de 3000 traballadores, situándose no 5º lugar no ranking industrial galego, cunha facturación duns 400 millóns de euros anuais. Na súa factoría de O Bodión, como xa vistes, hai deceas de liñas de produción, e cada unha delas tira 250 latas de conserva por minuto. Sen parar en todo o día, botade cálculos!

Deixámosvos aquí as fotos do día, e espero que fagades algún traballo que poder pendurar para enriquecer este artigo!

Reporteros en la red


Vén de saír a convocatoria do concurso de Ibercaja de reporteiros da ciencia; como cada ano, convocan ao alumnado nas categorías de ESO e Bacharelato a redactaren un artigo de investigación científica, recoñecendo dous traballos en cada categoría. Sendo o 2010 o Ano Internacional da Química, valorarán nesta tempada que o artigo que verse trate a química como unha ciencia creativa esencial para mellorar a sostenibilidade dos nosos modos de vida e para resolver os problemas globais e esenciais da Humanidade, como a alimentación, a auga, a saúde, a enerxía ou o transporte..

Podes ver as bases no pdf de Ibercaja.